•  
  •  
  •  
  • Obradoiro
Promove:

   

A QUEN SE DIRIXEN?

Os obradoiros van dirixidos ao alumnado de entre 14 e 17 anos dos centros de formación da provincia da Coruña.

CONTIDOS

Todos os contidos incluídos nos obradoiros serán visuais e atractivos, a través de exemplos reais de producións e material didáctico, no que se explicarán as diversas técnicas e estudos, así como as diversas saídas profesionais dos mesmos. O programa consta dos seguintes apartados:

1. Animación

Repasaranse as distintas fases da produción, desde o storyboard, layout, modelado 3D, rigging, animación, texturizado e render final, nun sector no que A Coruña foi e será un referente a nivel europeo

2. Efectos visuais

Amosaranse exemplos de diversos tipos de proxectos, recursos empregados, saídas profesionais e tecnoloxías de vangarda, incluíndo áreas como o cine, a publicidade ou os metaversos.

3. Videoxogos

Realizarase un repaso da evolución tecnolóxica e últimos avances no mundo dos videoxogos e os sistemas de aventuras gráficas interactivas en tempo real. As similitudes e diferenzas coa produción de animación e numerosos exemplos de uso ademais dos xa coñecidos xogos de shooter, en sectores como a educación ou a cultura.

4. Realidade Virtual e Aumentada

Amosaranse as posibilidades que ofrecen estas novas tecnoloxías, na creación de todo tipo de experiencias en numerosos ámbitos profesionais. O turismo, a cultura ou a publicidade entre outros, serán algúns dos ámbitos nos que se presentarán todas as capacidades que permiten estas novas tecnoloxías híbridas entre o real e o virtual.

5. Produción Virtual

Daranse a coñecer as novas formas de rodaxes que, a través dos sistemas de contornas virtuais 3D, permiten non só a posibilidade de crear escenarios reais que interactúan cos actores/actrices reais, senón toda unha lista de novos perfís profesionais moi demandados para a realización en platós virtuais.

6. Intelixencia Artificial

A IA será un dos contidos destacados, como unha das tecnoloxías máis revolucionarias e que sen dúbida está supoñendo unha completa transformación en toda a sociedade e por suposto, tamén no mundo da creación dixital. Explicarase de forma sinxela e moi visual, a través de exemplos baseados na IA Xenerativa, os aspectos máis importantes dunha tecnoloxía que está en boca de todos, pero que ata o momento resulta difícil de comprender. Con temas moi próximos á mocidade, como son os deportes, a moda, a música ou o cine, aprenderán as infinitas posibilidades que a IA permite, o seu uso de forma correcta e ética, e os retos que supón para un sector que hoxe en día está descubrindo toda a súa potencialidade.

METODOLOXÍA

Explorarase o mundo da animación, os efectos visuais, os videoxogos, a realidade virtual ou a intelixencia artificial, explicando cales son os perfís profesionais que se demandan en cada un destes sectores e a formación de estudos dos que se debe dispoñer para traballar en empresas que se dedican a estas producións.

Explicarase de forma moi visual e didáctica as experiencias de profesionais de recoñecido prestixio na industria audiovisual, algúns e algunhas galegos/as, como referente para a consolidación de metas profesionais dos mozos e mozas participantes.

Trátase de ver os gráficos 3D desde un punto de vista máis amplo, que permita ao alumnado converter a creatividade, xunto co recoñecemento da técnica e a tecnoloxía, na súa profesión. Unha profesión sen dúbida cun gran futuro e gran demanda de profesionais.

Os obradoiros serán impartidos por Mundos Digitales Transmedia, empresa con amplia traxectoria especializada na organización e dirección de eventos culturais, formativos e educativos, congresos e feiras.

Duración

Cada obradoiro ten unha duración de 4 horas. As datas de impartición e os horarios estableceranse en coordinación co centro.

COMO PODE PARTICIPAR O CENTRO?

Os centros interesados en acoller nas súas instalacións unha ou varias edicións dos obradoiros, deberán presentar o seguinte:

PRAZO

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 31 de outubro de 2024.